Show Impro Gamer con Reinas Malas

En Impro Gamer o escenario convértese nun auténtico videoxogo en directo. Este show de improvisación teatral é unha aventura que muda en cada partida: pode ser un RPG, unha aventura gráfica… ou algo completamente inesperado. Porque aquí o público ten o mando, decidindo o rumbo dunha historia chea de humor, fantasía e imprevistos na que pode haber de todo… menos Personaxes Non Xogables.

Reinas Malas
Colectivo de cómicas galegas de distintas procedencias e disciplinas que unen forzas para facer humor “de tódolos xeitos e combinacións posibles… e imposibles”. As súas propostas mesturan impro, monólogo e stand up con participación directa do público, garantindo espectáculos cheos de enerxía, ironía e diversión onde ninguén —nin sequera elas— sabe o que vai pasar. Nesta ocasión serán Marita Martínez, Lucía Veiga e Ángela Triana quen protagonicen este videoxogo ao vivo do Píxel á Feira.