Santiago de Compostela acollerá en novembro o primeiro salón dedicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia: Píxel á Feira

  • Celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela
  • Con esta cita, organizada pola Deputación da Coruña, a cidade converterase por dous días na capital galega do videoxogo, ofrecendo unha experiencia única para as persoas que xa aman esta disciplina e tamén para aquelas que queren descubrir todo o que o videoxogo pode ofrecer como ferramenta de entretemento, educación, creatividade e convivencia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro .- Galicia contará por fin cun gran espazo dedicado en exclusiva ao mundo dos videoxogos. Os vindeiros días 8 e 9 de novembro, o Pazo de Congresos de Santiago de Compostela será o escenario da primeira edición de Píxel á Feira, un evento pioneiro impulsado pola Deputación da Coruña que nace coa vontade de situar este medio no centro da vida cultural galega e de recoñecelo como o que xa é a nivel internacional: unha manifestación artística de enorme relevancia, un motor creativo e un lugar de encontro entre persoas.

A cita pretende ser tamén unha plataforma de difusión e aspira a consolidarse como encontro anual da industria galega, das persoas afeccionadas ao lecer dixital e de todo tipo de público que desexe achegarse a este universo. A programación de Píxel á Feira ofrecerá un amplo abano de actividades dirixidas a públicos de todas as idades. Haberá espazos para xogar, probar e descubrir novos contidos, mais tamén se prestará atención a outras dimensións como o valor educativo, a capacidade de innovación no ámbito tecnolóxico ou o papel na creación contemporánea. O salón reunirá profesionais de primeiro nivel nacionais e internacionais, creadoras e creadores, xogadoras e xogadores, así como persoas que se acheguen por primeira vez con curiosidade, coa intención de favorecer o diálogo e a aprendizaxe compartida.

Ademais, o proxecto quere impulsar o tecido comercial asociado a este sector, con presenza de tendas especializadas, librarías e outros negocios vencellados á cultura dixital e interactiva, creando así un espazo de promoción e visibilidade para o tecido local.

Impulsar e dar a coñecer a industria galega do videoxogo.

O proxecto quere contribuír a construír comunidade arredor do videoxogo en Galicia, ofrecendo un punto de encontro que combine lecer e reflexión. Neste sentido, a industria do videoxogo galega e os seus profesionais terán unha presenza destacada en todo o programa, tanto nas actividades de divulgación como en espazos como mercados e mostras. Iago Gordillo, director do proxecto audiovisual Recuncho Gamer e unha das voces máis recoñecidas no sector en Galicia, exerce como comisario desta primeira edición.

A dimensión cultural de Píxel á Feira será outro dos sinais de identidade. O evento incluirá exposicións, música e diferentes propostas artísticas que acompañarán os torneos e as demostracións de xogos, amosando que esta disciplina é moito máis ca un simple produto de entretemento: é un campo creativo que dialoga coas artes escénicas, coa música e coa tecnoloxía.

Esta primeira edición de Píxel á Feira está organizada pola Deputación da Coruña e marcará un fito no recoñecemento da cultura dixital como parte esencial da sociedade contemporánea galega. Nas vindeiras semanas iranse dando a coñecer, a través das canles oficiais do proxecto, os detalles dunha programación que promete combinar diversión, aprendizaxe e encontro.