Que é Píxel á Feira?

Píxel á Feira celebrou a súa primeira edición os días 8 e 9 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, como o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo.

Organizado pola Deputación da Coruña, o evento naceu coa vontade de se converter nun punto de encontro anual entre profesionais, creadores e creadoras e público, poñendo o foco no talento galego e no impacto social e cultural do sector.

A programación reuniu máis de cincuenta proxectos feitos en Galicia, con encontros profesionais sobre tradución, selo galego nos videoxogos e educación, ademais da entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña. O público puido gozar dunha ampla zona interactiva e arcade con máquinas orixinais de Daytona USA, exposicións do Museo do Videoxogo de Galicia, torneos, concertos e espectáculos abertos a todas as idades. Para completar esta programación, o salón contou cun mercado de negocios locais e artesanía vinculada ao universo dos videoxogos.