- Organizado pola Deputación da Coruña, ‘Píxel á Feira’ celébrase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, convertendo a cidade na capital galega do videoxogo e da cultura dixital. A programación e horarios pódese consultar en pixelafeira.gal
- A programación pon o foco na industria galega do videoxogo, presentando máis de 50 proxectos feitos en Galicia, encontros profesionais sobre educación, tradución e selo galego e a gala do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña.
- A alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, coincidiron en reivindicar o valor educativo, cultural e económico do videoxogo e o seu futuro como sector estratéxico.
Santiago de Compostela, 8 de novembro –. O primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia, ‘Píxel á Feira’, vive unha xornada de éxito no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, onde desde primeira hora da mañá se achegan centos de persoas para descubrir o pasado, o presente e o futuro desta industria en Galicia.
Organizado pola Deputación da Coruña, Píxel á Feira converte hoxe a cidade nun punto de encontro entre público, profesionais e novas xeracións de creadoras e creadores. Máis de cincuenta proxectos feitos en Galicia protagonizan unha mostra que combina exposicións, zona interactiva, charlas, concertos e torneos abertos a todas as idades.
Santiago, capital galega do videoxogo
O éxito desta primeira edición reafirma a vontade da Deputación da Coruña de impulsar unha industria en crecemento. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou “a importancia de que Santiago sexa tamén capital do videoxogo en galego” e subliñou “o valor educativo e cultural dun sector con enormes posibilidades de futuro”.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, salientou “a gran resposta do público desde as primeiras horas” e insistiu na necesidade de que “as persoas que traballan neste ámbito en Galicia conten con máis apoio administrativo para xerar un nicho de emprego de calidade”. Pola súa parte, o comisario do evento, Iago Gordillo, agradeceu o respaldo da Deputación e do Concello e puxo en valor “a creación de espazos de encontro que contribúan a consolidar e profesionalizar a industria galega do videoxogo”.
‘Numbra’, de DigiPen Europe-Bilbao, premio ao Mellor Videoxogo do I Certame de Videoxogos en Galego
No marco do evento celebrouse a entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que entregou os seus galardóns recoñecendo a calidade e diversidade dos proxectos presentados. O premio ao Mellor Videoxogo foi para Numbra, de DigiPen Europe-Bilbao, “por ser un xogo que brilla en todos os seus apartados, visualmente fermoso, mecanicamente divertido, cunha ambientación distinguida e na que a narrativa e a arte van da man”.
O galardón ao Mellor Apartado Artístico recaeu en Cartas á Lúa (Mail to the Moon), de Michiños Fofiños, “polo seu carácter artesanal no visual, pola minuciosidade en detalles como a tipografía e pola fusión de estilos entre artistas que logran que o apartado artístico potencie a súa narrativa”.
Finalmente, o premio ás Mellores Mecánicas foi para Basureroes: Invasion, de Javs Game Studios, “pola súa proposta de acción equilibrada, pola boa execución das mecánicas e pola sensación de xogo fluída, destacando as distintas habilidades das personaxes e o seu modo cooperativo local de ata catro xogadores”. O xurado estivo composto por Eva Farto, programadora e divulgadora galega recoñecida polo seu labor podcaster; Ramón Méndez, docente e investigador da Universidade de Vigo con máis de dúas décadas de experiencia na industria e Isi Cano, doutora en Arte Contemporáneo, creadora e docente especializada en videoxogos e deseño multimedia.
Cincuenta videoxogos galegos e un público entregado
Durante toda a fin de semana, a feira reúne videoxogos históricos, proxectos universitarios, propostas independentes e novas creacións que amosan a diversidade e a forza do sector galego. Entre os espazos máis visitados destaca a exposición do MUVI – Museo do Videoxogo de Galicia, que mostra pezas emblemáticas da historia do sector como The Wall (1986), coa presenza do seu creador, o ourensán Álex González.
A Zona Arcade e Torneos converteuse noutro dos puntos máis concorridos, con máquinas orixinais como Daytona USA (1993) e competicións de títulos clásicos e actuais como Tetris, Mario Kart 8 DX ou Street Fighter 6.
Un programa diverso e participativo
A programación combina actividades profesionais e de lecer arredor do videoxogo: encontros sobre tradución e educación, presentacións de proxectos, e charlas divulgativas como a de El Barroquista sobre a relación entre arte e videoxogos, ou o concerto de Tiaviolí Gaming, que interpretou pezas clásicas de bandas sonoras con violín.
Tamén houbo espazo para o podcast Recuncho Gamer e para as actividades do Escenario DLC, un espazo participativo que acolleu obradoiros, demostracións e proxectos colaborativos impulsados pola comunidade galega.
Píxel á Feira continúa durante toda a xornada do domingo cunha ampla oferta para todos os públicos, convertendo o Palacio de Congresos nun gran espazo de encontro arredor do videoxogo. Todas as actividades son de acceso libre ata completar aforo, e os horarios completos poden consultarse en pixelafeira.gal.