‘Píxel á Feira’ bate récord e convértese no maior escaparate do videoxogo galego

● Organizado pola Deputación da Coruña, Píxel á Feira celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, convertendo a cidade na capital galega do videoxogo e da cultura dixital. A programación e horarios pódese consultar en pixelafeira.gal

● O salón galego do videoxogo reunirá 50 proxectos creados en Galicia, a cifra máis alta amosada ata o momento nun evento da comunidade. Videoxogos históricos, propostas independentes, proxectos universitarios e novas creacións compoñen unha panorámica diversa que reflicte o bo momento da industria galega

Santiago de Compostela, 29 de outubro. – Píxel á Feira, o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia reunirá máis de 50 proxectos creados en Galicia, a cifra máis alta amosada ata o momento nun evento do país. Videoxogos históricos, propostas independentes, proxectos universitarios e novas creacións compoñen unha panorámica diversa que reflicte o bo momento da industria galega.

Organizado pola Deputación da Coruña, Píxel á Feira celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, convertendo a cidade na capital galega do videoxogo e da cultura dixital. O evento, de accesolibre, nace coa vontade de ser un punto de encontro anual entre profesionais, creadoras e creadores, público afeccionado e institucións, ademais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego.

Cincuenta videoxogos galegos entre o pasado, o presente e o futuro

Entre os espazos destacados desta edición está a exposición do MUVI – Museo do Videoxogo de Galicia, que amosará vinte e dúas pezas emblemáticas da historia do sector, desde The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego, pasando por O misterio das 7 pezas, pioneiro na nosa lingua. A mostra inclúe tamén títulos como Super Woden: Rally Edge, adianto dunha das sagas galegas máis exitosas que verá a luz en 2026; Cybershadow, xogo con máis de 300.000 xogadores no que participa un galego no equipo de desenvolvemento; e Glest (2004), referente do software libre.

Na Zona Interactiva, o público poderá descubrir e xogar os videoxogos que se están a facer hoxe en Galicia. Estudos como ChusChus Games, con tres propostas propias (Spells & Spices, Toupi e o seu día de merda e Candil), ou a Universidade da Coruña, que presentará demos creadas polo seu alumnado, compartirán espazo con outros proxectos independentes e creadores emerxentes. Entre eles, Xerme, de Acariño Games ou Golpes y Porrazos, de Widijou son algunhas das propostas que se achegarán ao público. O I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, cunha entrega de premios que se celebrará o sábado 8, tamén será un espazo de visibilidade para os proxectos recoñecidos nesta primeira edición.

O Escenario DLC, un espazo aberto á comunidade

Outro dos grandes eixos será o Escenario DLC, un espazo participativo que naceu dunha convocatoria aberta á comunidade galega do videoxogo e que recibiu unha resposta extraordinaria. O programa combina presentacións, obradoiros e conversas que amosan a diversidade e a creatividade do sector. O sábado desenvolveranse actividades como Lost Weapons, proxecto de worldbuilding con personaxes e contornos orixinais; unha introdución á creación de Visual Novels con Tomotoad; a charla sobre a obra Game Jams, guía para sacarlles o máximo partido da directora de desenvolvemento de EA SPORTS, Concepción González Agulla; o obradoiro de O Demo Game Jam sobre software libre; e presentacións de videoxogos galegos como A nosa fantasía, de Melgo Cinema, ou Shadows of the Afterland, de Aruma Studios. O escenario acollerá máis iniciativas, todavía por confirmar, pero será un espazo que demostre a gran creatividade, profesionalidade e impulso dos profesionais galegos do videoxogo e a creación dixital.

Un programa para todos os públicos

A programación de Píxel á Feira combinará máis de trinta actividades que conectan industria, cultura e entretemento. O Escenario 1-1 acollerá encontros profesionais sobre tradución e localización en galego, educación e selo galego do videoxogo, ademais do concerto de Tiaviolí Gaming -que actuará por primeira vez en Galicia-, a charla Arte & Historia nos Assassin’s Creed de El Barroquista, e a entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que estará conducida pola xornalista Lara Capeáns.
Tamén están presentes na programación o podcast en directo Recuncho Gamer, o espectáculo Impro Gamer das Reinas Malas, o Gamesong Trivial Musical, e o encontro SEGA fíxoo antes co divulgador Marc Rollán “El Funs”, que repasará os fitos da compañía no seu 65 aniversario.

O público poderá gozar tamén da Zona Mercado, con tendas e artistas da cultura dixital, e dunha selección de máquinas recreativas orixinais —como as de Daytona USA (1993), con ata oito xogadores simultáneos— e torneos de títulos clásicos e actuais, entre eles Mario Kart 8 DX, Street Fighter 6, Sonic ou Super Woden GP 2.