O videoxogo en galego e o humor protagonizan o domingo de ‘Píxel á Feira’ en Santiago

  • Organizado pola Deputación da Coruña, o salón galego do videoxogo encheu de novo o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
  • A programación incluíu encontros con profesionais como Paula Rodríguez, Sara Cubelos, Víctor Justo e Armesto 3D, ademais de espectáculos como Impro Gamer e o podcast en directo de Exército Mekemeke.
  • ‘Píxel á Feira’ pecha a súa primeira edición consolidándose como un novo punto de encontro para creadoras, profesionais e público arredor do videoxogo feito en Galicia e en galego.

Santiago de Compostela, 9 de novembro –. A segunda xornada de Píxel á Feira consolidou este domingo o éxito da primeira edición do salón galego do videoxogo, cun público que volveu encher o Palacio de Congresos para gozar dunha intensa programación centrada no talento local, a divulgación e o humor. A xornada estivo marcada por grandes momentos de reflexión sobre como introducir o videoxogo na educación das xeracións máis novas, sobre os camiños para construír unha industria galega sólida e cohesionada, e por unha tarde na que se explorou o impacto cultural do videoxogo desde o humor, a improvisación e a música.

A educación, a lingua e o territorio como protagonistas

A mañá estivo dedicada á reflexión e ao debate sobre o papel do videoxogo como ferramenta educativa e cultural. A docente Paula Rodríguez -experta no aprendizaxe baseado no xogo- e a doutora en Investigación en Arte contemporáneo Isi Cano, -cunha tese sobre o uso de videoxogos en aulas de Primaria para aprender as vangardas artísticas do século XX- abriron a xornada co encontro Videoxogos na educación, no que analizaron o potencial pedagóxico do xogo dixital nas aulas. Seguiulles a mesa Selo galego en xogos, que reuniu a profesionais como Violeta Moldes, Sara Cubelos, Víctor Justo e Víctor Fernández para abordar a presenza da lingua galega no sector e os retos de consolidar un selo identitario propio. O bloque matinal pechouse con Modelando Galicia, unha presentación de Armesto 3D centrada en proxectos de recreación dixital do patrimonio e as paisaxes galegas.

Tarde de humor, improvisación e comunidade gamer

Xa pola tarde, o público gozou do podcast en directo de Exército Mekemeke, un dos referentes do podcast en galego, que encheu o escenario principal cunha conversa participativa e chea de retranca centrada tamén no universo do videoxogo e a súa pegada cultural. A continuación, Reinas Malas -colectivo de cómicas formado por Marita Martínez, Lucía Veiga e Ángela Triana- converteu o espazo nun escenario de improvisación co seu espectáculo Impro Gamer, no que o humor e a interacción co público foron protagonistas. A xornada pechouse con Gamesong, un divertido trivial musical conducido por Xabi Pérez del Val e Eva Farto que puxo a proba os coñecementos sonoros do público máis entusiasta.

Videoxogos galegos e participación continua durante todo o día

Durante toda a xornada o público puido seguir descubrindo videoxogos e proxectos dixitais en galego no Escenario DLC, así como participar nas competicións da Zona Torneos e explorar a Zona Interactiva, aberta de xeito permanente, coa exposición do MUVI –Museo do Videoxogo de Galicia–, máquinas recreativas orixinais e unha ampla mostra do talento creativo galego.

A primeira edición de Píxel á Feira pechou así dúas xornadas nas que Santiago de Compostela se converteu na capital galega do videoxogo, consolidando un novo punto de encontro para creadoras, profesionais e público. O éxito de participación e a ampla presenza de proxectos feitos en Galicia -máis de 50, a cifra máis alta nun evento destas características- confirman a forza dun sector en crecemento, diverso e comprometido coa lingua e coa innovación, que atopou neste salón un espazo común para seguir medrando e facer visible o talento galego ante o mundo.