A tradución e a localización son pezas fundamentais na creación de videoxogos, determinando como os xogadores e xogadoras de diferentes culturas viven unha mesma historia. Neste encontro, dous profesionais galegos con ampla traxectoria reflexionarán sobre o papel da lingua galega na industria, os desafíos da adaptación lingüística e cultural, e as oportunidades que se abren para as novas xeracións de tradutoras e tradutores neste ámbito en constante expansión.
Alba Calvo
Tradutora especializada en videoxogos con máis dunha década de experiencia e máis de 700 títulos. Doutoranda en Tradución & Paratradución pola Universidade de Vigo, combina o traballo profesional coa docencia no título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV). É autora do libro Maniac Mansion y las aventuras gráficas de LucasArts e foi copresentadora do programa de radio Marca Player DX.
Fernando Moreiras
Tradutor e docente vigués con ampla traxectoria en localización de videoxogos e tradución literaria ao galego, con máis de 50 títulos adaptados, entre eles Baldur’s Gate 3, Divinity: Original Sin ou Guild Wars 2. Premio Plácido Castro de Tradución, tamén foi recoñecido polos premios ATRAE, Gamereactor e Doblaje de Videojuegos. Imparte clases de tradución na Universidade de Vigo e é un apaixonado mestre de xogos de rol.