O historiador e divulgador Miguel Ángel Cajigal Vera, coñecido como El Barroquista, participará en Píxel á Feira cun encontro para falar sobre a relación entre a saga Assassin’s Creed e a historia real, explorando desde a súa ollada de experto como o videoxogo recrea contextos, personaxes e cidades históricas con gran rigor artístico.
El Barroquista é un dos divulgadores sobre arte e historia con máis repercusión do estado, destacando a súa popularidade en redes sociais. Membro de organizacións internacionais como ICOM e ICOMOS, Cajigal é colaborador habitual en medios como a Radio Galega, Onda Cero e TVE – no programa El Condensador de Fluzo-, e autor da triloxía Otra historia, dedicada a revisar a arte, a arquitectura e a música desde unha mirada contemporánea.