- Organizado pola Deputación da Coruña, Píxel á Feira celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, convertendo a cidade na capital galega do videoxogo e da cultura dixital. A programación e horarios pódese consultar en pixelafeira.gal
- A programación poñerá o foco na industria galega do videoxogo, presentando máis de vinte proxectos feitos en Galicia, encontros profesionais sobre educación, tradución e selo galego e a gala do I Certame de Videoxogos en Galego
- O público poderá gozar dunha ampla Zona Interactiva e Arcade, con torneos, exposicións e máquinas orixinais de Daytona USA (1993), ademais de concertos, podcasts, espectáculos e actividades abertas a todas as idades
Santiago de Compostela, 20 de outubro .-A Deputación da Coruña e o equipo de Píxel á Feira presentaron hoxe en rolda de prensa a programación completa do primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo, que se celebrará os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. No acto, celebrado en Alita Comics, participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira, a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín e o comisario do evento Iago Gordillo.
Durante o evento, Regueira presentou a iniciativa como unha oportunidade para dar a coñecer o universo dos videoxogos, destacando aqueles que se fan desde Galicia. Deste xeito, o salón do videoxogo será tamén unha oportunidade para a industria galega. Ademais, puxo en valor o papel da cita para divulgar como este formato pode ser unha ferramenta en ámbitos como a educación.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a relevancia do evento para impulsar o uso da lingua galega entre a mocidade. Pola súa banda, Iago Gordillo completou as declaracións sinalando a diversidade da programación de Píxel á Feira, pensada para un público familiar que poderá coñecer a influencia do videoxogo en diferentes ámbitos culturais e sociais.
O proxecto nace coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria do videoxogo en Galicia, un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e creadores e público afeccionado, e unha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego.
A industria galega do videoxogo, protagonista da primeira edición
Un dos eixos principais desta primeira edición será a presenza da industria galega, cun programa que inclúe máis de vinte videoxogos desenvoltos en Galicia que poderán xogarse na Zona Interactiva, así como unha ducia de actividades no Escenario DLC, espazo reservado para presentacións de proxectos, obradoiros e máis actividades. A convocatoria para ambos espazos realizouse nas últimas semanas, con gran aceptación e interese.
A dimensión galega de Píxel á Feira reflíctese tamén na programación dos encontros, dedicados á tradución e localización en galego, ao uso dos videoxogos na educación, á representación de Galicia nos videoxogos e ao selo galego do videoxogo, con nomes como Alba Calvo, Fernando Moreiras, Isi Cano, Paula Rodríguez, Sara Cubelos, Armesto 3D, Víctor Justo, Violeta Moldes e Víctor Fernández. Voces referentes a nivel estatal e internacional que achegarán unha ollada profesional sobre a industria. Por outra banda, en relación coa cultura dixital, chegarán a Píxel á Feria a gravación en directo dos podcasts Recuncho Gamer e Exército Mekemeke.
O evento acollerá ademais a entrega do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que recoñecerá a calidade e innovación de proxectoscreados ou traducidos ao galego nas categorías de Mellor Videoxogo, Arte, Narrativa e Mecánicas.
Na Zona Interactiva tamén estará dispoñible a exposición do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), dedicada ao impacto deste medio en Galicia. Un dos grandes atractivos desta parte interactiva serán as máquinas recreativas Daytona USA do ano 93 con ata 8 xogadores simultáneos, unha das experiencias arcade máis inmersivas que contará con clásicos recoñecibles da historia do videoxogo de desenvolvedoras coma Capcom, SEGA ou Taito.
Un evento con proxección estatal e figuras destacadas da cultura dixital
A programación completarase con actividades e convidadas de prestixio a nivel estatal, reforzando a dimensión nacional e de divulgación de Píxel á Feira. O músico e creador de contido Tiaviolí Gaming actuará por primeira vez en Galicia cun concerto que combina música, videoxogos e cultura dixital (sábado 8, 12.45 h), mentres que o divulgador Miguel Ángel Cajigal Vera, O Barroquista, ofrecerá a charla ‘Arte & Historia nos Assassin’s Creed’ (sábado 8, 17.15 h), explorando o rigor histórico e artístico da popular saga. Ademais, o domingo 9 pecharase a programación co espectáculo ‘Impro Gamer’ do colectivo Reinas Malas e o Gamesong Trivial Musical. No 65 aniversario da compañía xaponesa SEGA, o divulgador e profesor universitario Marc Rollán “El Funs” repasará os momentos chave da empresa que revolucionou o videoxogo nos inicios dos anos 90.
Torneos e Zona Mercado
Píxel á Feira contará coa súa Zona Mercado, un espazo para tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas á cultura dixital. Torneos de videoxogos clásicos e actuais, destacando o Torneo de Tetris organizado por Retro Cabeza, un dos grandes embaixadores deste videoxogo na Península. Os torneos completaranse da man de Legion Gamer con xogos clásicos coma Sonic ou Windjammers, referentes actuais coma Mario Kart 8 DX ou Street Fighter 6, ou videoxogos galegos coma Super Woden GP 2, entre outros. As bases e horarios para participar estarán dispoñibles na páxina web de Píxel á Feira proximamente.